A mercantilización dos sentimentos


Chismes e rumores sobre vodas, relacións, divorcios, infidelidades, disputas entre membros de familias distinguidas ou con outras familias, segredos inconfesables, intentos de suicidio, malos tratos e por riba de todo, a morte. Á hora de falar de sensacionalismo, atopamos un amplo abano de temáticas que conseguen reunir os ingredientes requiridos. En todas as situacións citadas anteriormente hai unha serie de clichés que se repiten, estes son: unha polémica, unha ou varias vítimas, moscardóns para avivar o problema e unha cámara que cun primeirísimo primeiro plano capte o momento exacto no que a bágoa asoma polo lacrimal.

Que a información é una mercancía, non é novidade. Os medios de comunicación son os axentes que se encargan mover os fluxos no mercado e tamén son os principais responsables do tipo de xornalismo, e o que non é xornalismo, que predican. Tampouco é novidade que, dependendo de se as noticias corresponden a un xornal, á radio ou á televisión, terán un ou outro tratamento, adaptando esa información ás necesidades e ás características propias do medio. Postos a elixir, escollemos para reflexionar e analizar o sensacionalismo á raíña cotilla por excelencia, a televisión, o medio escravo da denominada audiencia e o que ten por bandeira a máxima de o “todo vale”.

De circos e corrais

Facendo un repaso pola grella das cadeas podemos atopar o sensacionalismo en diferentes formatos televisivos. Dende os informativos, pasando polas mesmas retransmisións deportivas ata os produtos deseñados exclusivamente para sensacionalizar as novas. Basicamente, todos os formatos teñen un obxectivo principal, e ese é aumentar a audiencia, e non precisamente por motivos xornalísticos, senón por motivos puramente comerciais. Deste xeito, os valores do verdadeiro xornalismo quedan relegados a un quinto plano, máis ou menos, para dar paso a un auténtico circo da información, onde o contido é trivial e está coloreado con tintes morbosos e sensibleiros. Pero analicemos paso a paso cada formato.

Os informativos son a clase de programa que se lle presenta ao espectador como un produto serio e fiable, ou polo menos iso é o que a cadea pretende facer crer. Podemos establecer catro grupos de noticias perfectamente diferenciadas: os feitos especialmente destacables, as vítimas, comunidades en perigo e as conmemoracións.

Practicamente todos os telexornais das diferentes cadeas de televisión, soen ter unha mesma estrutura. Comezando pola información política, a non ser que teña lugar un feito excepcional, a poder ser catastrófico, deste xeito poderemos abrir o informativo por todo o alto. Tras facer un repaso polas noticias máis polémicas, pasamos aos sucesos e ás vítimas que, ao fin e ao cabo, iso é o que vende. Malos tratos, desaparicións, roubos e unha longa lista de desgrazas que nutren o día a día televisivo. Pero hai algo que está por riba de todas elas e é o único que non ten remedio, a morte.

Ela pasa a ser, en moitas ocasións, a invitada de honra nos platós, é o espectáculo televisivo por excelencia. Cando algún personaxe distinguido, famoso ou celebridade morre, lévase a cabo o circo da dor, pero a morte non pode darse de calquera xeito, un infarto, causas naturais ou enfermidade, non nos valen. O que dá audiencia son as mortes por inxesta de analxésicos, suicidio, drogas … Deste xeito, temos material e material para emitir durante meses, entre que facemos un repaso da vida do personaxe en cuestión, entre que traemos a amigos e inimigos aos platós, así como destripar todos os trapos sucios habidos e por haber. Pero iso queda mellor para os corrais que montan certas cadeas.

Volvendo aos informativos, é importante sinalar que a televisión como elemento de entretemento, require pouco esforzo para entender as súas mensaxes, actúa como substitutivo de actividades que requiren maior reflexión, neste senso hai que destacar que a velocidade á que se nos presentan os acontecementos, enlazados un tras outro, non lle permite á mente analizar detidamente o que acaba de visualizar, de xeito que constantemente estamos tragando contidos e non reparamos nin no tratamento morboso que se lle dá aos sucesos, nin nas trivialidades nas que se caen á hora de presentar unha información supostamente seria e que se vende como de calidade.


Os programas que están exclusivamente deseñados para isto, creo que xa non teñen que ser nin estudados. Todos sabemos cales son e o que se vende neles, pero si ben é certo que nas súas orixes presentouse coma un formato novidoso e atractivo para a programación da televisión, co paso do tempo estamos chegando a uns niveis de auténtico deterioro. O que nun principio foi creado para ser un mero entretemento converteuse no negocio do século para a gran industria da televisión, onde o escenario xa non é un plató, e onde a titulación dos tertulianos é o que menos importa.

Pero a televisión é audiencia, e en definitiva, a audiencia o que busca é un refuxio para evadirse da realidade, así que, quen é o verdadeiro culpable de que o medio potencie certos programas que acaparan toda unha franxa horaria?

Crise de valores

Se son sincera, direi que hai tempo prometín que non volvería acender o televisor. Primeiro, porque non soportaba xa a saturación da grella con programas basura, segundo, porque non quería ser contribuír ao minuto de ouro destes “programas” e terceiro, porque sentía vergoña allea e indignación ao ver que os valores que predominan son o escandaloso, o enfrontamento persoal, os insultos e a  denigración, e mesmo chegar á agresión dun dereito tan básico como é a intimidade, mediante a invasión das vidas persoais dos participantes nestes circos mediáticos.

Asistimos, polo tanto, a unha crise de valores nesta sociedade que cada día vese máis agravada pola mercantilización de sentimentos. E quen é máis culpable, os espectadores por darlle audiencia a este tipo de programas ou os que se prestan a participar neles? Aínda que é un exemplo repetitivo ata a saciedade, non podo deixar de nomear todas as feiras de rumores que se forman ao redor dos deportistas e as súas relacións. Un ámbito no que o que se debería priorizar os méritos da persoa, reléganse a un segundo plano para deixar paso a un cartel estrela cunha longa lista de amantes.

Agora que estamos en plena Eurocopa, non atopo mellor exemplo que o da case  xornalista Sara Carbonero e o porteiro da selección española, Iker Casillas. Estes dous personaxes confirmaban a súa relación cun bico que moitos describiron de película diante das cámaras que cubrían o Mundial do 2010. Dous anos despois, as continuas humillacións por parte dos que se fan chamar compañeiros da presentadora, continúan. Non vexo lóxico que nunha retransmisión dun evento futbolístico, no que o protagonista debería ser este deporte, se estea apelando continuamente a aspectos da vida privada, neste caso, da propia presentadora. Pero supoño que, por outra banda, ela é consciente de en que medio traballa e ao que se expón no momento no que es unha personaxe pública, así que non teño pena ningunha.

“Para ser xornalista non fai falta estudar a carreira, entras en Gran Hermano e tes chollo asegurado”. Cantas veces non terei escoitado isto. Como ben sinalaba con anterioridade, a titulación neste tipo de programas é o de menos, tan só hai que saber gritar, cuspir insultos coma o que máis, ou ter unha relación con tal ou cal famoso, mesmo podes finxir ou inventar que a tiveches.

A dignidade? Nestes tempos que corren, quen lembra o que é? Algunhas, a única carreira que teñen nesta vida é a de ter unha filla cun toreiro. Outros preferimos gañar o pan co esforzo do noso traballo, pero supoño que eses somos os parvos. Hai uns días a España rescatábana economicamente, pero como ben sinalaba o xornalista Ignacio Escolar, “España precisa de un segundo rescate, un rescate moral”.

Anuncios

Acerca de Carolina Sertal
Xornalista

2 Responses to A mercantilización dos sentimentos

  1. Pingback: Empatía, ese concepto extraterrestre « Outras voces, outros lares

  2. You are so excellent at writing, you might have been an English prof.

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión / Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión / Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión / Cambiar )

Google+ photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google+. Cerrar sesión / Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: