Loita de xigantes en Galicia

Non será para tanto muller, a vida non se vai niso. Cando sexas maior verás que terá menos importancia“. Levaba dende o 13 de novembro de 2011 esperando o 15 de abril. A conta atrás fíxose eterna, ao igual que os 90 minutos que durou pra min o domingo. Pola mañá, o de sempre, prepararse coas cores celestes, pero era un día especial, porque un derbi non se vive coa mesma intensidade ca outro partido. Señor, quizáis a vostede non se lle vai a vida no seu equipo, pero cando levas o sentimento inculcado dende a cuna, a cousa cambia.

O derbi galego chegaba co Deportivo de A Coruña na cabeza da táboa e co Celta de Vigo pisándolle os talóns, aínda que coa victoria do Valladolid o día anterior, amanecía en Vigo na terceira posición. Galicia preparábase para vivir unha loita de xigantes. A tensión palpábase no ambiente xa dende o sábado pola noite, cando nas rúas da cidade olívica non deixaban de soar os cánticos típicos de Balaídos e a cor celeste era a tónica.

Chegado o domingo, a marea celeste acudía á cita con horas de antelación. Nos arredores do estadio vivíase a previa á festa do fútbol galego, mentres os siareiros do equipo visitante agardaban xa no seu interior. Ao contrario do caluroso recibimento que catro tontos nos deron en Riazor cunha chuvia de pedras, hai que dicir que os incidentes que se produciron desta vez foron entre outros catro tontos coa policía e non coa afición blanquiazul. Catro tontos que xa teñen a multa que lles corresponde e que, dende o meu punto de vista, é xente que nin se quera segue o fútbol e só se apunta a armar gresca.

Pero pasemos á cara amable do evento. Un gran mosaico daba a benvida aos equipos rivais, mentres o himno dos célticos inundaba Balaídos. Do partido, que dicir! Foi un derbi de infarto. Demasiadas emocións, tanto para celestes, coma para blanquiazuis. Nun choque de forzas moi igualadas, comezou perdendo o Celta, cun gol de Riki no minuto 3:10, un gol que chegaba demasiado cedo e un gol demasiado tonto, nunha xogada na que non pensas que o balón rematara dentro das mallas. O Celta tivo máis que ocasións para acadar o empate no primeiro tempo, pero non era o día.

Xa no segundo tempo, o Dépor volvía poñer ao Celta contra as cordas cun segundo gol da man de Lassad. Creo que foi neste momento cando os siareiros celestes quedaron máis tocados, polo menos así quedei eu. Pero o Celta é un equipo de segundas partes e lonxe de afundirse, rexurdiron facendo gala do seu mellor xogo: primeiro cun golazo de De Lucas e despois, tras dúas paradas espectaculares de Aranzubía, con gol de Catalá. Foi neste segundo gol, no minuto 40 da segunda metade, onde Balaídos estoupou de ledicia. Alegría que duraría pouco.

No momento en que te atopas cun equipo que, tras unha remontada espectacular, se confarma co empate, creo que xa sabes o que vai suceder. E chegou. Chegou no último minuto. O blanquiazul Borja metía o terceiro tanto que lledaría a victoria ao Deportivo de A Coruña. Aproveitando un fallo defensivo e un pantasma na portería celeste. Din que foi un batacazo para os celestes, a min non me colleu por sorpresa.

En xogo

Sendo crítica, creo que o Celta pecou de non ter sido algo máis avaricioso. E analizando un pouco o contexto, direi que a día de hoxe non entendo as decisións tomadas polo entrenador para establecer o 11 de cara. Na portería, Yoel. Podo dicir que son a súa máxima defensora e que o ano pasado, cando Falcón non estaba predisposto, sempre lle din o meu voto de confianza, sabía que o rapaz necesitaba tempo para coller o truco aos 3 paos. Pero tras varias xornadas lesionado e con Sergio gardando as mallas de xeito excepcional, creo que o derbi non era un partido para el. Outro a quen botei moito en falta: Bermejo. Mario é un xogador forte, un muro, un xogador que fai falta dende o principio. Joan debería ter entrado no segundo tempo coma revulsivo. Que vou dicir do medio campo, Bustos é o meu home e levo botándoo de menos demasiado tempo. E por último, non creo que fose acertado retirar a Aspas, aínda que leva varios partidos fallando demasiado, porque creo que lle estaba dando vida ao equipo.

Do resto, estou ben orgullosa do equipo. Orellana, o meu chilenito, para min o mellor do enfrontamento. Coma sempre facendo das súas, correndo máis ca ninguén, dando asistencias de gol, é o meu xogador imprescindible. Túñez, Mallo, Lago, Álex,  David, De Lucas e Joan demostraron o que valen.

Agora toca repoñerse e nada de cabezas baixas, porque xa digo: ORGULLO. Achéganse xornadas difíciles e temos que estar coa cabeza fría para afrontalas o mellor que sabemos, porque eles poden. E aínda que tras o chasco do ano pasado, levo toda a tempada sen facerme ilusións da volta a primeira, direi que o Deportivo en segunda sentounos ben, no senso de que, aínda que non se recoñeza, tira de nós e a motivación é maior ca a tempada anterior. E pode ser, claro que pode, poder ser que este ano si.

Anuncios