Empatía, ese concepto extraterrestre

Practicamente todos os telexornais das diferentes cadeas de televisión, soen ter unha mesma estrutura. Comezando pola información política, a non ser que teña lugar un feito excepcional, a poder ser catastrófico, deste xeito poderemos abrir o informativo por todo o alto. Tras facer un repaso polas noticias máis polémicas, pasamos aos sucesos e ás vítimas que, ao fin e ao cabo, iso é o que vende. Malos tratos, desaparicións, roubos e unha longa lista de desgrazas que nutren o día a día televisivo. Pero hai algo que está por riba de todas elas e é o único que non ten remedio, a morte.

Ela pasa a ser, en moitas ocasións, a invitada de honra nos platós, é o espectáculo televisivo por excelencia“.

Hai uns meses publicaba “A mercantilización dos sentimentos”, un pequeno ensaio ou longo artigo sobre o sensacionalismo na televisión. De novo véxome obrigada a rescatalo a raíz do acontecido na celebración de Halloween o pasado 31 de outubro no Madrid Arena. Tres rapazas morrían aplastadas nunha avalancha humana que se produxo no recinto froito do pánico producido por unha bengala que se lanzou no interior do pavillón.

Noraboa, as aves carroñeiras estaban de sorte. Ninguén pode dicir que un suceso non é noticia, está claro que de feitos coma este hai que informar, pero hai formas e formas de facelo sen ter que caer no morbo ou no sensacionalismo. Nada máis espertar a radio xa estaba poñendo aos oíntes ao tanto do transcorrido, o curioso era que a locutora en cuestión falaba, efectivamente, dunha traxedia, pero tamén facía referencia a que “hoy nos ha sucedido un hecho extraordinario, algo que no suele suceder a menudo y que forma parte de lo hermoso de nuestro oficio, y es que los oyentes nos llamen para contarnos la noticia”. Falaba dun rapaz co que contactaron para que lles narrara a súa experiencia no recinto. ¿Pero como se pode frivolizar así un tema destas características? Falar dunha traxedia e inmediatamente falar do fermoso que é que chamen as fontes…

Non foron poucos os xornais que nas súas edicións dixitais ofreceron nos días posteriores imaxes das rapazas falecidas e descricións detalladas das vidas que levaban, así coma do seus caracteres. ¿En serio poden crerse co dereito de publicar se unha persoa era tal ou cual? ¿Teñen o dereito de apropiarse de imaxes sacadas das redes sociais? Si, téñeno, pois é unha cuestión que debería revisarse.

Poñerlle cara á morte. Creo que temos un serio problema, e xa non falo dende o punto de vista do xornalismo, que cada día apesta un máis e máis neste senso, senón da sociedade en xeral. Se hoxe en día o único que vende son as mortes, os accidentes, as traxedias, as catástrofes, temos un problema grave de sadismo.

E sinceramente, nin ganas teño de tocar como se tratou o tema na televisión porque podería vomitar pestes en parágrafos e parágrafos. Isto é unha pequena reflexión persoal. Gustaríame saber se se as rapazas foran as fillas, as irmás, as curmás, as amigas, dun presentador, dun xornalista do medio, dun locutor, do director do medio, dos grandes xefazos… Entón, ¿dariáselle o mesmo tratamento? ¿Publicaríase dita información?

Creo que para ejercer el periodismo, ante todo hay que ser buen hombre, o una buena mujer: buenos seres humanos. Las malas personas no pueden ser buenos periodistas. Si se es una buena persona se puede intentar comprender a los demás, sus tragedias. Y convertirse, inmediatamente, desde el primer momento, en parte de su destino. Es una cualidad que en psicología se denomina EMPATÍA“.

Neste mundo semella que son poucos os que o coñecen. Atrévome, por descontado, a mencionar a un dos grandes cando falaba sobre o xeito de exercer esta profesión. Pero outro feito que nesta sociedade é máis que obvio é que hoxe en día a información é un dos grandes negocios deste mundo, e pouco importa xa transmitir os feitos con profesionalidade.

Anuncios