Hai que ser imbécil

Imagen

Camiño distraída por unhas beirarrúas anchas e infinitas. Á marxe esquerda o río cruza a vila paseniño. Á marxe dereita está a esmorga dos bares, un local de peiteados para señoras, un par de edificios dos 70 e o rapaz que pide esmola cada día de feira. Nesta rúa existen moreas de historias, nas pedras do chan e en cada farol que alumea un recuncho da parede , pero eu xa non as distingo entre os peóns. Estou vendo o móbil.

Ás veces poño como escusa que quero fuxir das babosadas, outras digo que teño medo pola rúa, incluso invento que o aparatiño está soando insistentemente e teño que contestar, en realidade non é certo. Cando levanto a vista doume conta de que inconscientemente estou buscando algunha foto chula que sexa digna de compartir en Instagram, algún acontecemento chamativo para petalo en Twitter, iso tamén me vale. Gardo un momento o teléfono no peto esquerdo do chaquetón, non aparto a man del, supoño que necesito sentilo preto, que está aí. De nada sirve este intento por ser persoa, xa estou comprobando o WhatsApp, cotilleando o Facebook, revisando Instagram e espreitando Twitter. E esquivo unha farola. E volvo ao móbil.

Agora estou nunha cafetería. Espero a que cheguen unhas amigas chateando con outras. Por fin están aquí, hai tempo que non estamos xuntas, un sorriso, levántome, dous bicos e pousan o bolso ao seu carón. Preguntámonos que tal e a conversa xa é interrumpida pola vibración intermitente do puto teléfono, pero claro, hai que contestar. E eu non quero poñerme a revisar as redes sociais agora, porque estou con dúas persoas aí, na terceira mesa, e non quero ser maleducada, hai tempo que non as vexo e quero que me miren aos ollos cando falan e non a unha pantalla. Pero xa estou farta de dividir as patacas fritas entre tres, de curiosear entre cada un dos clientes do local e de mirar para o aire, así que xa estou abrindo o bolso e tecleando.

E o mozo está na casa ceando coa sogra, pero estou aburrida, cansada de traballar e prefiro descentrarme un ratiño. Así que aí levan media hora falando de… non o sei porque non estaba escoitando. Agora quero entrar na conversa e fago referencia a un tema que quería comentar, mais moléstame que me rexeiten dicindo que xa falaron diso hai bastante. Volvo ao móbil indignada.

ImagenDende hai tempo estou intentando deixalo porque son consciente de todo o que me estou perdendo aí fóra. Conseguín facer menos publicacións en Facebook, subir menos fotos e comentar menos nos grupos. Non supero abrir Twitter nada máis espertar nin deixar de acostarme con el. Non vivo sen WhatsApp. Pero é que a sociedade tampouco axuda, eu non quero ser escrava do maldito móbil, pero que facer cando toda a cafetería o ten entre as mans? Que facer cando xa non cruzas miradas na rúa porque todos prefiren agochar os seus ollos no teléfono? Como non manterse conectada as 24 horas do día?

De toda esta situación, tan só hai algo que me molesta máis que os quérotes virtuais que algúns soltan á lixeira e que xa non  din despegando amodo os beizos. O maior efecto nocivo que comezo a notar son as faltas de ortografía. E non é por restarlle importancia, pero non falo de esquecer un til. As webs da RAE e da RAG son as miñas mellores aliadas nos últimos tempos, no traballo sempre abertas, na busca de Google as favoritas, incluso agora. Consultas que xamais pensaría ter feito, preguntas ortográficas ás que antes respostaría en menos dun segundo e de xeito correcto, dúbidas que suporía que aparecerían coa idade e non aos 24.

Á única conclusión á que chego despois de reflexionar sobre todo isto, despois de ler un par de veces os parágrafos (confeso que para revisar polo miúdo a ortografía), é que hai que ser imbécil.